Saturday 27 de April de 2024

A Coruña e Sevilla asinan un acordo para impulsar as cidades do futuro


A alcaldesa, Inés Rey e o alcalde da capital hispalense, Juan Espadas, asinan un acordo de colaboración para promover o intercambio de experiencias entre ámbalas dúas cidades

Os Concellos da Coruña e Sevilla asinaron esta mañá un convenio para impulsar o desenvolvemento de ámbalas dúas cidades e acadar con éxito a construción de urbes de futuro, que respondan as demandas
actuais da cidadanía. En concreto, o acordo contempla a posta en marcha de proxectos en común nos ámbitos do medio ambiente, políticas de vivenda social, cultura, educación, turismo e dinamización das pemes.

O acordo foi asinado pola rexedora da Coruña, Inés Rey, e o alcalde da capital hispalense, Juan Espadas, nun acto que tivo lugar no consistorio sevillano. Con este convenio, dixo, pretendemos pór en marcha novas iniciativas que sirvan para mellorar a calidade de vida da cidadanía e deseñar as cidades despois da pandemia.

Rey lembrou que o protocolo ten a súa orixe nun irmandamento entre Emalcsa, a empresa municipal de augas da Coruña e Emasesa, Empresa Metropolitana de Abastecemento e Saneamento de Augas de Sevilla S.A. “E esa coordinación e bo facer foi medrando, ampliando os seus ámbitos de actuación ata converterse no protocolo de colaboración que hoxe asinamos entre o Concello de Sevilla e A
Coruña”, dixo.

A intención, apuntou a rexedora, é acometer proxectos conxuntos e afrontar retos dunha maneira máis eficiente e, para isto, un dos nosos obxectivos é conseguir fondos para executar novas iniciativas.

E destacou que, a pesar de que ámbalas empresas traballan no ámbito do abastecemento e saneamento, o Concello non se pecha a outros sectores: desde políticas claves para os cidadáns e cidadás como a vivenda, a educación e os recursos humanos, até ámbitos económicos relevantes para ámbalas cidades como o turismo, a cultura e, en xeral, a dinamización empresarial. “Un acordo para traballar
en proxectos de vital importancia para as cidades de hoxe e do futuro, que deben garantir servizos básicos, pero tamén novas propostas atractivas para a cidadanía, co fin de reforzar a identificación da veciñanza coa súa cidade”, explicou Rey.

A forma de executar este convenio será a través dunha Comisión de Entendemento eminentemente técnica encargada de establecer os programas de traballo e as actuacións para desenvolver. “Será doado este entendemento xa que que ámbolos gobernos locais compartimos a mesma filosofía e forma de actuar” sinalou Rey.

O convenio contempla que as iniciativas funcionen a través de campañas de promoción, encontros empresariais, intercambio e información, organización de feiras e congresos, estudos e investigacións conxuntas, intercambio cultural e artístico e intercambio de técnicos.